Wednesday 15 de May de 2024

Avanzan as obras de rexeneración do bordo litoral da praia dos Areos


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), mantiveron na casa consistorial unha reunión coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o xefe da Demarcación de Costas, Rafael Eimil; e o xefe de Servizo da entidade, Ricardo Babío, co obxectivo de avaliar o avance do proxecto de demolición das naves dos Areos que non están protexidas polo seu valor patrimonial como vestixio do pasado industrial deste emblemático barrio da localidade. Unha actuación executada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través da Demarcación de Costas, que busca a recuperación deste espazo público.

Posteriormente desprazáronse ata o propio lugar para supervisar in situ estas obras que o rexedor valorou positivamente, pois manifestou que se trata dun paso máis para a rexeneración da zona, o segundo tra-lo acometido no seu día nas Xunqueiras, e “de gran valor dende o punto de vista paisaxístico, patrimonial, cultural e turístico.” Así mesmo, anunciou que tamén se valoraron as posibilidades existentes de cara un futuro de retira-lo actual paseo marítimo e retranquea-lo, elimina-lo tramo de estrada (o tráfico rodado disporíase pola vía que conecta coa rúa Venecia) e recupera-la praia. Lembrou tamén o proxecto do goberno municipal para a rehabilitación e protección das naves situadas entre a ponte de Santo Antonio e a antiga discoteca Bumerang, cun claro obxectivo de preserva-lo patrimonio.

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno cualificou esta intervención como “moi importante” para completar a recuperación ambiental para o uso público deste bordo litoral. Conta cun investimento de algo máis de 400.000 euros e as tarefas consisten na demolición deses antigos inmobles localizados dentro do Dominio Público Marítimo-Terrestre para, deseguido, achegar area e “reforza-lo seu carácter natural”, poñendo así en valor os espazos naturais e o litoral. Compleméntase deste xeito a fase de recuperación das Xunqueiras, acción que no seu momento supuxo unha inversión de 1’7 millóns de euros para retirar máis de 30.000 metros cúbicos de recheos e restaurar a vexetación en case 10.000 metros cadrados, ademais de actuar sobre un quilómetro e retirar tódalas especies invasoras.